lunes, 10 de mayo de 2010

TRES ESTAMPAS DO NORTE DE PORTUGAL

Hai xa algúns meses fixemos unha pequena ruta turística polo norte de Portugal, visitando algúns dos lugares mais senlleiros da zona. Agora vos mostramos os apuntes e algunhas fotos de parte dos sitios que chamaron a nosa atención.


Ver Tres estampas do Norte de Portugal en un mapa más grande

O Dolmen da Barrosa. Situado na localidade de Vila Praia de Ancora, no municipio de Caminha, en Portugal. Declarado Monumento Nacional no ano 1910. É considerado un dos monumentos megalíticos mais emblemáticos da Península Ibérica. Cunha cronoloxía do Neolítico tardío.
Popularmente chamado “Lapa do Mouro”, é do tipo de cámara poligonal con corredor. Consta dunha cámara de 9 ortostatos imbricados, apoiados uns nos outros. A laxa de cabeceira está fracturada, ten forma rectangular e atópase chantada verticalmente. A cada lado da losa da cabeceira se dispoñen catro ortostatos. Ten un corredor de catro laxas, dúas a cada lado, de forma rectangular ou trapezoidal, chantados verticalmente. Conserva unha gran lousa como cuberta.
http://www.cm-caminha.pt/ver.php?cod=0M0D0M



A Capela de Sao Fructuoso de Montelios. Capela e mausoleo visigodo mandado construir polo bispo de Braga, Fructuoso. Erixida entre o ano 656 e 665.
De pranta de cruz grega na que cada brazo ten a forma exterior dun cadrado, mentres que no interior son ábsides de pranta de ferradura acusada. Os brazos únense no transepto, comunicandose por tres arcos de ferradura, mais ancho o central que os laterais, que descansan sobre dúas columnas exentas e sobre os muros laterais. Os tres arcos están inscritos dentro doutro gran arco cego de ferradura, sobre o que se ergue o muro do transepto, formando unha linterna, cuberta por unha cúpula sobre pechinas. Os brazos, agás o da entrada que ten bóveda de canón, tamén cubríanse con cúpulas, apoiadas en columnas, 6 no ábside e 4 nos laterais, formando un pequeño deambulatorio. A iluminación é por medio de fiestras de doble arco de ferradura situadas en cada un dos lados do transepto e, en cada brazo, agás na entrada.
Construida con aparello de sillares escadrados. Decoración exterior con frontóns triangulares, arquerías cegas nos muros laterais, zócalo de tipo clásico, friso con sogueado e cornisa con pequenos arcos cegos na torre do cruceiro. Toda a decoración exterior é independente da forma dos sillares, como labrada neles.
No interior existe un friso semellante ao exterior; os capiteis son de tipo corintio. Toda a decoración é de imitación de tipo romano, pero dunha calidade moi superior á existente na época romana, nesta zona.
Esta igrexa é fundamental para coñece-la evolución da arquitectura visigoda no século VII. Dende as primeiras igrexas arrianas a arquitectura visigoda foi modificando as súas prantas, dende a estructura clásica tradicional de 3 naves con tellados rectos e un ou tres ábsides, mediante a inclusión de seudocruceiros de moi distinta forma (Cabeza de Griego, Recópolis), ata chegar a estructuras cunha cabeceira tan complexa como San Xoán de Baños e/ou Santa Lucía del Trampal.
De súpeto, o bispo Fructuoso, de clara vocación orientalista, rompe tódo-los esquemas das prantas existentes ata entón, e constrúe unha igrexa-mausoleo, completamente abovedada, cunha estructura cáseque idéntica ao Mausoleo de Gala Placidia en Rávena, polo exterior e, que imita moitos detalles de San Vital de Rávena, polo interior. O abovedado interior é, tamén, semellante ao Mausoleo de Gala Placidia; mentres que o ambiente interior, coas arcadas triples inscritas en arcos cegos de maior tamaño, lémbranos á igrexa de San Vital.
Este tipo de igrexas de pranta cruciforme e con arquerías múltiples e superpostas, pódense considerar totalmente novedosas na España visigoda. Dende agora será o modelo tipo das igrexas visigodas das zonas rurais: pranta cruciforme e totalmente abovedadas (Santa Comba de Bande, San Pedro de la Mata e Santa María de Melque). O desenvolvemento das prantas cruciformes continuou nos derradeiros anos da monarquía visigoda en igrexas como San Pedro de la Nave e Quintanilla de las Viñas.

http://www.turismo-prerromanico.es/arterural/SFRUCTU/SFRUCTUficha.htm

http://www.artehistoria.jcyl.es/artesp/monumentos/233.htm
http://aprendersociales.blogspot.com/2008/10/san-fructuoso-de-montelios.html
http://www.liceus.com/cgi-bin/aco/ar/06/0604.asp



A Citania de Briteiros. Castro da Edade do Ferro emprazado na freguesía de Sao Salvador de Briteiros, no municipio de Guimaraes, Portugal. O xacemento deuse a coñecer no ano 1875 por Martíns Sarmento.
Consta dun recinto de grandes dimensións situado no alto do monte Sao Romao rodeado por tres murallas de 2 metros de anchura media e 5 metros de outo. Fortemente romanizado, como pódese comprobar no seu incipiente urbanismo, nas estructuras de pranta cuadrangular, nas taxeas de augas pluviais, as rúas enlousadas, etc. Ademais da aparición de numerosos restos romanos dende o século Iº a.C.: inscripcións latinas, moedas republicanas e imperiais, cerámicas de importación, etc. A cultura castrexa acadou a súa máxima expresión coa riqueza das ornamentacións xeométricas, tanto nas estructuras arquitectónicas: xambas, dinteis, frisos, como na orfebrería ou cerámica.
Dentro do xacemento destacan especialmente as dúas saunas ou balnearios situados na parte baixa do recinto fortificado. Constaban de tres espazos: un atrio con estanques de auga fría, unha antecámara e unha sauna. A separación entre a antecámara e a sauna realizábase ao través dunha estela ornamentada de forma pentagonal (a “pedra formosa”), fincada no chan, cun burato semicircular na base para cruza-la e evita-la saída do calor. A sauna servía para tomar baños de vapor, votando auga sobre pedras quentes. A cuberta estaba formada por grandes pedras a dúas augas e o extremo final era semicircular (a xeito de ábside) rematado por unha falsa bóveda.
Esta citania está identificada coa capital política do pobo Callaeci Bracari, no século IIº a.C., reuníndose o “consilium gentis” nunha gran construcción circular con banco corrido nas paredes.
http://www.arqueotur.org/yacimientos/citania-de-briteiros.html
http://es.wikipedia.org/wiki/Citania_de_Briteiros
http://www.celtiberia.net/verlugar.asp?id=553
http://algarvivo.com/arqueo/top-10/briteiros.html

sábado, 8 de mayo de 2010

O HÓRREO DE ADELÁN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

A miudo os historiadores, na procura da información mais valiosa, consideramos como datos de relevancia aqueles que se gardan en inventarios, catálogos, rexistros arqueolóxicos, arquivos, bibliotecas, etc., que proceden de fontes universalmente consideradas irrefutables pola súa calidade, exactitude ou verosimilitude, e que son obra doutros investigadores, científicos, intelectuais ou artistas.
Pero nesa búsqueda do dato ‘optimo’ para os nosos traballos ou investigacións esquecemos, ou desprezamos, aquelesoutros datos non xerados por intelixencias privilexiadas, senón polo común dos mortais, polo pobo.
Cando analizamos os acontecementos históricos recurrimos a fontes coetaneas, a paralelos doutros lugares, a estudos críticos sobre o tema de sesudos investigadores, cos que chegamos a polemizar.
Pero esquecemos de que xeito os feitos históricos influiron na memoria colectiva do pobo ao que afectaron, no día a día daquelas comunidades que o viviron e padeceron e, sobre todo, esquecemos de que xeito estes individuos expresaron e reflexaron os sentimentos que tales feitos lles provocaron.
A principal consecuencia desto é que moitas veces non sexamos capaces de interpretar de xeito correcto determinadas manifestacións populares que calificamos como ‘fora da norma’, atípicas ou singulares, e que, non son mais que a expresión popular deses feitos históricos.

O 23 de Xuño de 1927, atendendo á insistente petición dos seus paisanos, aterraba no Monte do Toxo, na parroquia de Filgueira (Lalín) o aviador Joaquín Loriga. Foi o primeiro avión que tomaba terra en Galicia. Milleiros de persoas acudiron a recibilo, do concello de Lalín, da comarca do Deza, de moitas partes de Galicia, como así o testemuña a prensa da época.
Joaquín Loriga Taboada nasceu na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín) no ano 1895, descendente dunha familia, os Taboada, de fonda tradición militar, afincada no veciño Pazo de Liñares. Desenvolveu unha brilante carreira militar na guerra de África durante os anos 20, pero a súa sona viulle de dous feitos destacados: pilota-lo autoxiro de Juan de la Cierva no seu voo inaugural, do aeródromo de Catro Ventos a Xetafe, no ano 1926 e; sobre todo, polo voo Madrid-Manila, xunto os pilotos Eduardo González Gallarza e Rafael Martínez Esteve, no ano 1927; o primeiro voo entre unha capital europea e o Extremo Oriente, que tivo unha gran repercusión en todo o mundo.
Desgraciadamente, os poucos días de regresar a Madrid, tra-la súa visita a Galicia, faleceu nun accidente no aeródromo de Catro Ventos. A repercusión que iste feito tivo entre os seus veciños, en todo o concello, en toda a comarca, en toda Galicia, en toda España é incalculable. Non é posible mensurala. A prensa da época así o recolleu nas súas crónicas.
Antes da súa morte, os seus paisanos comezaran unha suscripción para obsequiarlle un aeroplán, que nunca foi adquirido. Co diñeiro recaudado decidiuse erguer un monumento na súa memoria. O monumento, obra do escultor Francisco Asorey, inaugurouse o 27 de Agosto de 1933, nun céntrico parque de Lalín.

Outro persoaxe da veciñanza tería unha carreira paralela á de Loriga, brilante, exitosa, prolongada no tempo, pero cun final de sufrimento, dor, esquecemento e exilio.
Gumersindo Areán Rodríguez nasceu na parroquia de Pedroso (Rodeiro) en 1898, de pais labregos. No ano 1919 fai o servizo militar en Tetuán. Reengancha varios anos e sirve con tenacidade e valor durante a sublevación do emir Abdel Krim. As súas heroicas accións fanno merecedor do grao de sarxento. No ano 1925, cando se está constituindo o arma de aviación, ofrécese como voluntario para realiza-lo curso de ametrallador-bombardeiro no aeródromo de Catro Ventos de Madrid. Ao ano seguinte comeza a súa instrucción na Escola de Carabanchel no curso de Piloto. En 1927 acada o título de piloto e ao ano seguinte ascende a suboficial. Rematada a guerra de Africa realiza a ruta postal de correo aéreo entre Tetuán e Larache, e despois a ruta Madrid-Tetuán.
Co grado de oficial, o 18 de Xullo de 1936, sorpréndelle o levantamento no aeródromo de Catro Ventos, manténdose fiel á República como a maioría dos seus compañeiros. A confianza que o mando republicán tiña nel fixo que o destinaran a Rusia como responsable instructor dun colectivo de 300 alumnos para formalos en avións de caza e bombardeiros. De volta a España participa activamente no frente de Aragón e de Madrid. É derribado en combate, consigue aterrar e salva a vida de parte da tripulación. Realizou varias misións vitoriosas que lle valeron o alcume de “Ave Negra”. Durante a guerra nombrárono comandante dos aeródromos de Los Alcáceres (Murcia) e La Zenia (Tarragona). Acadou o grao de Maior durante a Guerra Civil, chegando a ser Xefe do Grupo 72, que acollía a tódo-los avións de transporte, recoñecemento e patrulla de costa da Forza Aérea. No último momento foi nomeado Comandante do Exército do Aire.
No ano 1939, ao remate da Guerra Civil, sae dende Barcelona cara ao exilio en Francia, ficando, como moitos outros, no campo de concentración de Argelès-sur-Mer. A súa muller, Amalia Carrillo, e os seus fillos, Mariña, Xosé e Fernando, atópanse neste momento en Orán, xunto coa irmá de Amalia, que ten nacionalidade francesa. A insistencia da súa cuñada ante o goberno de Vichy, fai que o trasladen ao campo de concentración de Relizane (Alxeria), onde se viu obrigado a traballar na construcción do ferrocarril a Tombuctú, por un tempo curto. Finalmente concédenlle o reagrupamento familiar e a liberdade no ano 1941. Planexan xa a viaxe a América, pero Gumersindo ponse en contacto coa Royal Air Force, ofrecéndose como aviador experimentado para loitar contra Hitler. Nunca obtivo resposta.
En Outono de 1942 embarcan no cargueiro Nyasa con destino Veracruz, México. Non foi posible convalida-la súa licenza de aviador e nunca mais volveu voar. Traballou como comercial de seguros e dependente de ferretería. Mantívose sempre fiel aos ideais republicáns, ata a súa morte no ano 1974, sen voltar a pisa-la súa terra.

¿De qué xeito quedaron grabados na memoria colectiva dos veciños da comarca estes feitos?, ¿Cómo expresaron ou manifestaron os sentimentos que lles provocaron?
Unha resposta a estas preguntas pode ser un orixinal hórreo emprazado no lugar de Adelán, na parroquia de Santa María de Guillar, no concello de Rodeiro. A peculiaridade do hórreo está nun dos remates do mesmo, que sustitúe o tradicional pináculo ou cruz por un aeroplán pilotado por un aviador. Trátase dunha figura sinsela, de liñas suaves, cáseque infantil. O mestre canteiro que a labrou, ben por iniciativa propia ou por mandado do propietario do hórreo, debía coñecer ben as fazañas de tan destacados conveciños e quiso, deste xeito, lembralos e, quizá tamén, expresa-la memoria colectiva, nun elemento tan típico da etnografía popular.

jueves, 6 de mayo de 2010

O CRUCEIRO DE OURÍN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

Recentemente tivemos a ocasión de visitar este escepcional cruceiro do concello de Rodeiro. Atópase no lugar de Ourín, na parroquia de San martiño de Asperelo. Ten unha altura aproximada de 4m. A cruz levántase sobre un capitel de tradición corintia con anxos nos remates das follas de acanto. O fuste é circular e liso, apoiado nun cubo sobre un podium de dous escalóns. O anverso representa ao cristo crucificado con tódolos elementos da paixón, como a coroa de espiñas. O reverso mostra á Virxe María en posición de pregaria e cun anxo en cada un dos brazos da cruz sosténdolle a coroa. A coroa da virxe é unha peza de bronce, hoxe caida e recollida [por sorte] por un veciño do lugar.
O cruceiro atópase nun pésimo estado de conservación. Corre un grave risco de desplome, xa que a súa base cedeu e perdeu a verticalidade. Ademais, os líquenes e musgos invadiron a pedra de tal xeito que as imaxes están xa desfiguradas.
O señor concelleiro de cultura do concello, que nos acompañou na visita, quedou fondamente impactado polo seu estado de abandono. É de agradecer a sensibilidade que mostrou no tema, xa que nos consta que inmediatamente tomou as medidas oportunas para evitar o agravamento da situación e proceder a súa recuperación. Oxalá atopen cedo o financiamento suficiente para proceder a unha limpeza e restauración integral.